O pasado venres 31 de xullo, a Eurocidade acolleu a sinatura do acordo de colaboración entre a Asociación de Empresarios/as de Verín (AEVER), a Asociación de Hostalería de Verín (AEHCOM) e a Asociación de Empresarios do Alto Tâmega (ACISAT).
Este acordo nace coa vontade de reforzar a cooperación entre o comercio, a hostalería e o tecido empresarial a ambos lados da fronteira, aproveitando a posición estratéxica de Verín e o Alto Tâmega como espazo común de oportunidades.
A través desta alianza, as tres entidades comprométense a impulsar accións conxuntas orientadas á promoción do territorio, ao apoio mutuo entre os seus asociados e ao desenvolvemento de iniciativas que dinamicen a actividade económica da comarca.
A sinatura supón un paso significativo na consolidación dunha rede de colaboración estable entre organizacións de referencia do tecido comercial e empresarial galego-portugués, e senta as bases para futuros proxectos compartidos.

